Galicia e a posibilidade federal

Onte dixo o presidente Feijóo:

“Nun dos versos máis memorables do noso himno, Eduardo Pondal desexa con forza que Galicia ‘esperte do seu sono’. O noso poeta clamaba así por un futuro que semellaba inalcanzable para a nosa terra, como se estivese condenada a unha especie de cadea perpetua.

Aquela Galicia subxugada puido escoller entre varias opcións para liberarse. Como outros pobos en contextos semellantes, puido loitar por iso en cruentas batallas. Quizais tamén encomendarse á sorte duns poucos elixidos. Ou simplemente agardar a que algún mesías forasteiro lle mostrase o camiño da salvación. Porén, a historia ensínanos que Galicia preferiu trazar unha ruta xenuína para sobrepoñerse a aquelas épocas de letargo.

Quen sabe se foi a experiencia peregrina que nos acompaña dende hai tantos séculos a que nos fixo comprender que, ante calquera ameaza, a mellor resistencia posible reside en algo que non se ve. Esa galeguidade afincada no sentimento, e non en ningún lugar concreto, é o que nos fixo sempre —e o que nos fai— inexpugnables. Por sorte, ninguén informou os nosos inimigos desa tendencia tan nosa de prolongar Galicia se non queda outro remedio en latitudes afastadas, porque así foi como lles ganamos e nos perpetuamos”.

Quedoulle bonito e ten moito de certo.

Galicia é a terra que ten un taxista en cada cidade do mundo, un labrego sachando patacas na lúa e a posibilidade de sentirse galego sen nacer nun recuncho dese país. Galicia é nai da fuxida morriñenta e está presente en cada fillo que aquela necesidade fixo lonxe dela. Galicia, e ser galego, é un xeito de sentir e ver o mundo e tamén unha fala que o debuxa.

E mellor sería non ter ninguén a obriga de afastarse do propio.

Galicia é unha terra de tolerancia e resistencia que pode ofrecer leccións a quen saiba aprender dela.

Se cadra o seu propio líder. O relatorio do presidente da Xunta foi máis alá. Quixo Feijóo na véspera do día da patria mostrar orgullo polo que acadou a Galicia autonómica. E non, non lle foi mal se estamos chamados a comparar este país co daquela longa noite de pedra. Pero as referencias da conferencia presidencial moito facían pensar en terras máis ao leste. En Cataluña e o seu momento.

Hoxe, por vez primeira, o galeguismo político, dende o nacionalismo máis independentista ata a esquerda federalista, encheu as rúas de Compostela nunha marcha unitaria sen siglas que a fixeran presa. Os milleiros de cidadáns que alá berraron polo séu é seguro que tamén pensarían en Cataluña, que marca un contexto. Pero por riba de todo tiñan que pensar en tódalas oportunidades que perdeu esta terra.

“Patria e nación é defender todo o que é público contra as privatizacións que son puro espolio”, dicía o manifesto. Non se fai Galicia sen defender os recursos da terra. “As persoas que estamos aquí a celebrar o Día da Patria Galega, e moitos outros concidadáns e concidadás polo país adiante, estamos unidas na resistencia, na insistencia e na teimosía”. Non se fai Galicia sen querer facela ou deixando que a fagan outros.

“E reclamamos para a nación a toda esa mocidade exiliada, mozos e mozas a quen se lles nega o dereito a vivir na súa terra”. Non, non se fai Galicia botando fora ao seu primeiro capital: as persoas.

A autonomía fixo moito ben, pero é posible que xa non abonde. Uns, poucos en Galicia, apostan por pechar as portas e marchar. Outros polo recoñecemento federalista. O certo é que esta España xa non pode resistir sendo o ideal decadente dun imperio imaxinado.

O federalismo pasa por lembrar que ser galego é outra forma de ser español; e que se o galego non ten encaixe en España, entón non pode estar nela. O federalismo pasa por non pór en discusion que o galego é unha lingua española como fan os separatistas traidores do fascismo centralista.

Nunca como neste intre da historia as nacións e pobos que conforman España tiveron a oportunidade de facer dela un Estado de tolerancia, unido na diversidade e ao servizo da xente. É así como se fai unha España unida: no orgullo da pertenza a un réxime de dereitos, liberdade e cultura compartida. Cultura, tamén, política. Hai que mudar a linguaxe e a imposición conceptual da vella dereita asoballante: os separatistas e separadores sempre foron eles.

Chegamos ao final voltando ao comezo: Galicia, e ser galego, é un xeito de sentir e ver o mundo e tamén unha fala que o debuxa.

O debuxa, si, para trocalo en algo mellor. Porque non hai nación só na identidade, como fan nalgures. Hai nación na construccion colectiva dun futuro; tanto mellor canto máis participado, tanto mellor canto máis plural, tanto mellor canto máis aberto. Hoxe Galicia ten a oportunidade de amosar no Estado estes valores que sempre foron de séu e saír do illamento moitas veces autoimposto coma un referente de futuro.